miércoles, 16 de abril de 2008

Mulleres Lendo Mulleres

O pasado 8 de Marzo, Día da Muller, o Concello de Fene organizou o 11º Maratón de Lectura, “Fene lendo Mulleres”. Un maratón que, como ven sendo habitual, foi retrasmitido en directo por Radiofusión , dende as 8 da mañá ata as 9.30 da noite.

Dende o IES de Fene, e como cada ano, alumnas de todos os cursos uníronse a esta celebración.

Na Casa da Cultura recibíronos a Concelleira do Servizo da Muller e a Pedagoga do Concello, organizadoras e responsables do acto. E mentres esperábamos o noso turno, aproveitamos para admirar a exposición de pintura colectiva “Art Natura” unha exposición que nos gustou moito.

As rapazas leron poemas de Sofía Manuel Colaço, Pilar Pallarés, Ana Romaní, Luz Pozo, Sandra Cisneros, Helena Villar, Lucía Novas, Rosalía de Castro, Marilar Aleixandre, Ana Mª Fernández, Marica Campo, Emily Dickinson, Edith Sodergran, Marta Dacosta, Mª Xosé Quizán, Xoana Torres, Carme Blanco, Fina Casalderrei, Concha Blanco e Medos Romero e remataron coa lectura dun relato curto “As Estacións” escrito por Antía Díaz Castro alumna de 2º de bacharelato, relato que conseguiu o primeiro premio no II Concurso de Relato Curto contra a Violencia de Xénero organizado pola nosa biblioteca escolar "O Segrel do Penedo".



jueves, 27 de marzo de 2008

Xoldas, Roteiros, Xuntanzas Gastronómico-Plambeiras... e Webquest!!!

Os GBI (Biblioafonso, A Nosa Biblioteca e O Segrel do Penedo) non só sabemos írmonos de xolda, visitar Bibliotecas Escolares, acudir a todas as Xuntanzas Gastronómico-Plambeiras… Este tipo de actividades facémolas ás mil marabillas. E para mostra, aquí tedes unha pequena presentación de tan só 25’



Pero é que ademais, e de cando en vez, só moi de cando en vez, que conste, poñémonos a currar, pero só unha miaxiña…

E nesta ocasión queremos traervos aquí o produto do noso último traballo colaborativo.
Unha webquest sobre X. M. Álvarez Blázquez, autor a quen se lle adica este ano o Día das Letras.

Botádelle unha ollada e se vedes que vos pode ser útil co voso alumnado pois xa sabedes, é toda vosa.

Os GBI estamos encantadísimos de poder compartir con todos vós o froito de tantísimas horas de duro traballo cheo de noites de pouco durmir, días sen sair, amigos sen visitar e montóns de libros fantásticos sen poder ler…. En fin, toda unha penuria!!!

E como somos tan, pero tan xenerosos, estamos dispostos a que non pasedes polas mesmas penalidades.

Que somos así, de natureza solidaria, colaborativa…. podedes seguir engadindo todos os calificativos marabillosos que se vos ocorran (non temos avóas, que lle imos facer!)

Ah, esquecíamonos do máis importante, a ligazón a tremendo traballo!!!!

Tamén nos outros GBI Blogues:
A Nosa Biblioteca

lunes, 24 de marzo de 2008

Viaxe a París!!




lunes, 3 de marzo de 2008


lunes, 25 de febrero de 2008

Atardecer en Covas

martes, 19 de febrero de 2008

O Capitán Kalandraka e o Ninja

Hoxe, e grazas a Mangas Verdes, descubrimos unha desas "chorradas" que tanto nos gustan e coas que sempre nos agasalla o Capitán Kalandraka e por unha vez, e sen que serva de precedente, queremos ser nós os que o sorprendamos a el.

Aínda que non sei eu se o conseguiríamos!!!

Ninja!

Teríanse coñecido xa o Capitán e o Ninja?

sábado, 16 de febrero de 2008

Flores, Cartas... e Moito Amor

Por terceiro ano consecutivo, e con motivo do Día dos Namorados, convocouse un Concurso de Cartas de Amor, concurso que, como ven sendo habitual, congregou un elevado número de participantes.



Máis non foi o concurso o principal protagonista do día, este papel desempeñouno un marabilloso ramo de flores que, como acostuma acontecer nestas datas, chegou ben cedo ao noso instituto e cuxa destinataria, Verónica, recibiu de mans de Roberto, un dos nosos conserxes sempre disposto para estes menesteres.

QUE BONITO É O AMOR!!



Roberto, Verónica, Samantha, Daniel e Altair

viernes, 15 de febrero de 2008

Os Nosos Venres Musicais (XIV)

Esta semana, e visto o éxito acadado polos nosos venres musicais "dedicados", imos dedicarlle este post a Ángela, membro dun dos nosos clubs de lectura, que lle gusta tanto a lectura como a música e que nos pediu, nun comentario feito o venres pasado un dos temas de Mika.


Mika é un artista a quen comparan cunha mestura entre Freddie Mercury e Beck, que foi fichado no 2007 por un reactivado sello de música disco dos 70 "Casablanca Records". Recibe influencias do mundo do cómic, dos debuxos animados e de diferentes artistas da música pop.

RELAX, TAKE IT EASY

jueves, 14 de febrero de 2008

San Valentín

"Si no te conozco, no he vivido; si muero
sin conocerte, no muero, porque no he vivido."


Nat King Cole & Natalie Cole

"When I fall in Love"


When I fall in love,
It will be forever
Or I'll never fall in love.
In a restless world like this is,
Love is ended before it's begun
And too many moonlight kisses
Seem to cool in the warmth of the sun.

When I give my heart,
It will be completely
Or I'll never give my heart.
And the moment I can feel that
You feel that way, too,
Is when I fall in love with you.

And the moment I can feel that
You feel that way, too,
Is when I fall in love with you.

domingo, 3 de febrero de 2008

sábado, 2 de febrero de 2008

Celebración do Antroido

A mañá do venres, o noso cole encheuse de xente que quería celebrar o Antroido connosco, algúns deles nunca estiveran antes por aquí...

A primeira en chegar foi Pipi Calzaslargas, pero non veu soa, chegou co Sr. Wilson, logo apareceron unha bruxa, unha "tunanta", algún obreiro da construción, labregos, unhas vacas moi marchosas, dous osos polares mortos de calor, un espantallo, un rockeiro, varios rapeiros e cantantes de Hip-Hop, unha noiva moi casquivana (paseou con catro mozos distintos o mesmo día da voda...), unha andaluza, varios nenos e nenas aos que nin tempo lles dou a quitar o pixama, uns clips de famobil, moitos mozos e mozas preparados para a festa, varias carapuchiñas vermellas coa avoa, os cazadores e mesmo o sr. lobo viña con todos eles, un moro, un xeque árabe, un rei e a mesma raíña Cleopatra e como non faltou ninguén tamén estivo celebrando o antroido connosco a Sra. Paca, a encargada da limpeza e para completar este cadro tan "pintoresco" tivemos ata un enterro. Como sería a festa que incluso a TVG mandou a Fene a un dos seus reporteiros.

A festa comezou coa degustación, por parte do xurado, dos postres que participaban no xa tradicional concurso de postres típicos. Houbo freixos, rosquillas, orellas, biscoitos... en cantidade suficiente para que despois do xurado, todos e todas puidésemos probalos. E trala degustación chegou a entrega de premios, houbo para todos, pois todos estaban boísimos!!

E como fin de festa tivemos un baile-karaoke. Pasámolo moi ben e quedamos convidados para a próxima. Que nos gustan as festas!!!

Celebración do Día da PAZ

Despois de dúas semanas organizando a celebración do Día Internacional da Paz, por fin chegou ese día.

Primeiro foron as reunións do grupo da biblioteca para aportar ideas, mellorar as propostas e unha vez decidido o que queríamos facer, poñérmonos mans á obra.


Organizáronse varias actividades, “Tráfico pola tolerancia”, os “Poemas Pola Paz”, as “Caixas positivas e negativas”, e no que todos estabamos de acordo era en que o principal protagonista de todas elas debería ser o alumnado. Prácticamente todos quixeron participar dende 1º da ESO ata 2º de Bacharelato, sen esquecer ao alumnado de adultos que se encargou da megafonía. Cada grupo preparou unha caixa que decoraron con desexos positivos cara á construción dun mundo mellor e outra cos aspectos negativos a rexeitar. Os grupos de primeiro da ESO prepararon ademais os sinais do circuíto pola tolerancia e as mans e as pombas coas que decoramos os paneis para os poemas; e a nosa pomba da Paz a fixo o alumnado de 2º de ESO. A lectura dos poemas correu a cargo de alumnado dos catro grupos da ESO e de 1º de Bacharelato e unha alumna e un alumno de 3º de ESO encargáronse da presentación do acto que rematamos cantando o Imagine de John Lennon. Foi este un acto simbólico de rexeitamento da violencia e a prol da PAZ e cun obxectivo “Que este non se quede no desexo dun día, senón que sexa o desexo que guíe todos os días da nosa vida”



Os blogues das Bibliotecas Escolares Galegas levamos traballando de xeito colaborativo durante esta última semana cun obxectivo común o esforzo colectivo a prol da PAZ, e no noso cole quixemos ter unha representación deses blogues e deste xeito de todos os blogues das biblios galegas.

Así estivo a palabra PAZ feita con pombas como a de Trafegando Ronseis, as pombas e as mans dos nosos rapaces e rapazas decorando os cortizos dos poemas do mesmo xeito que nos amosaron os compañeiros do “CPI Luis Díaz Moreno” e que tamén utilizaron no IES de Arzúa, a guía de poemas que dende Sanxenxo tan oportunamente chegou á rede, o marabilloso cartel do IES Río Cabe, e como remate cantamos Imagine de Lennon. En que centro non cantou alguén o día 30 o himno da PAZ?. Pois iso, que en “O Segrel do Penedo” estivéchedes presentes todos vós na nosa celebración.

XUNTOS POLA PAZ!!

viernes, 1 de febrero de 2008

Super Cool On-line Guide!!


Vía "A Nosa Biblioteca", como é habitual, coñecimos esta fantástica ferramenta da Web 2.0.

Unha ferramenta que nos permite publicar na rede todo tipo de documentos rápida e fácilmente e o resultado, como podedes ver é "moi chulo".


Como proba utilizamos a nosa primeira guía do ano, as nosas "Suxestións de lectura para a Paz". Comezamos cun documento moi pequeno, pero tras este virán máis... Picade en "open publication" e poderedes velo a pantaia completa.

Ferramentas da Web 2.0, para Bibliotecas 2.0!!!!

miércoles, 30 de enero de 2008

Día da PAZ


Create Your Own

Existe, por desgraza, unha ampla mostra de conflitos armados onde constatar os diferentes graos de sufrimento e degradación do ser humano que toda guerra implica. Algúns, aparentemente esquecidos, deixaron, non obstante, feridas mal cicatrizadas e dispostas a reabrirse en calquera momento.Outros, case descoñecidos no imperdoablemente descoñecido continente africano, están xa perdidos sen remedio sexa cal sexa o resultado final da contenda.Tamén os hai cotiáns, perniciosos, que abandonan os primeiros titulares pero deixan rastros atrofiados, convertidos en xordas ladaíñas onde a traxedia individual de cada morte se dilúe en cifras carentes de sentido.
Sendo conscientes desta situación, no Día Internacional da Paz, eliximos a guerra de Iraq como símbolo do engano, a barbarie e a loucura que toda guerra implica.
Neste documento utilizamos unha breve selección de textos de poetas árabes representativos da desolación dun pobo ante a traxedia colectiva que asola moitos dos seus países. Tamén incluímos algunhas citas contra a guerra de varios pensadores e escritores da nosa cultura occidental..


Oiamos as súas voces porque temos o convencemento de que só escoitando persoas sosegadas e respectuosas de calquera cultura os seres humanos teremos unha mínima posibilidade de futuro. Este é o espírito que alenta o presente documento que forma parte da iniciativa colectiva das Bibliotecas Escolares Galegas non Día Internacional da Paz, por un mundo mellor e máis xusto.

Os materiais gráficos deste documento proceden das seguintes fontes
Iraq War Paintings Gerard Laing
Carteles contra una guerra – Signos por la paz (James Mann, Ed. Gustavo Gili)
Lions Clubs International Peace Poster Contest

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

POEMAS POLA PAZ

Chegamos ao momento en que evocamos a PAZ como unha lembranza.

Impresionad@s polos horrores das guerras, pola manipulación da realidade que teñen feito os grandes e pequenos poderes para xustificala e pola destrución da memoria dos pobos, os ensinantes, os bibliotecarios, debemos seguir buscando co noso traballo o fortalecemento da PAZ e a verdade. A verdade porque somos os administradores dos materiais que conteñen todas as verdades, porque dunha información completa xorde a verdade. A PAZ porque o entendemento entre as persoas é a base do noso traballo; tratamos que comprendades, coñezades e aceptedes o que din outros, tentando abrir mentalidades, facilitando o acceso ás ideas expresadas ao longo dos séculos; todo o contrario do que conseguen as guerras. Por iso, colocamos a tarefa de nos opoñer a elas como a primeira e máis importante do noso labor cotián.
Un bo xeito de ir contra a guerra é divulgar a obra dos poetas que con palabras emocionates, moito máis impactantes que as balas, fixéronlles fronte. As persoas somos unha mestura de razón e sentimento; nas grandes cuestións necesitamos alimentar o corazón tanto como a cabeza, e os poetas saben alimentar o corazón.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

lunes, 28 de enero de 2008

POLA PAZ (VII)

Mañá é o Día da Paz. Desde hai días as bibliotecas escolares galegas colaboramos pola primacía desta, tentamos lembrar á sociedade que é a palabra a que debe vencer sobre as armas, esas palabras que voan nos libros, nos poemas, que se transmiten polo diálogo e non polas armas. Cremos que é o Amor quen debe vencer ao egoísmo, a non-violencia debe vencer á violencia e a PAZ á guerra.




Sétimo traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

domingo, 27 de enero de 2008

POLA PAZ (VI)

Falamos de guerras, falamos de paz. Falamos dos nosos desexos dun mundo mellor. Fermoso sería que as armas fosen xoguetes que nunca servisen para matar. Conseguilo é o noso obxectivo.

Empeñados como estamos, proclamamos cada día

NON ÁS GUERRAS

Sexto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

jueves, 24 de enero de 2008

POLA PAZ (IV)

Violencia é que ainda no século XXI, os dereitos das nenas e nenos de todo o mundo seguen sen respectarse.

Pois ben, queremos achegarvos un poema de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor que vai ser homenaxeado no Dia das Letras Galegas deste ano e que pouco a pouco iremos coñecendo ao longo do curso.

Fálanos duns nenos que teñen que vivir na rúa, da esmola da xente, e como ata a algunha xente lle chega a parecer normal esta situación tan inxusta.

Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba¡-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles
-A xente pasa leda......¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!.

Xosé María Álvarez Blázquez
(Tui 1915-1985)

Cuarto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

miércoles, 23 de enero de 2008

POLA PAZ (V)

A violencia nas súas diferentes formas, como manifestación do despropósito, é un dos aspectos máis notables na obra de Goya. Foron precisamente os sucesos acontecidos durante a Guerra de Independencia (1808-1814) os que deron lugar a que Goya efectuase unha reflexión enormemente crítica e innovadora sobre a guerra, sobre as súas causas, brutais manifestacións e consecuencias.

(...) Francisco de Goya, escéptico ante as xustificacións da guerra, lonxe de apoiar coa súa obra os postulados ideolóxicos dalgún dos bandos contendentes, mostra o rostro máis escuro e abxecto da guerra, o dos mortos e os seus asasinos, o dos indefensos e os seus prepotentes violadores, o dos que padecen e os dos que gozan co padecemento alleo.

(...) A sensibilidade de Goya ante estes acontecementos produciu non só a súa mellor serie de estampas, senón un monumental berro contra a violencia nas súas diferentes formas, que non recoñece xustificación ningunha, e que grazas ao maxistral do seu tratamento técnico, formal e conceptual permite ao espectador comtemplar imaxes inherentes a toda guerra.

(...) As obras de Goya de contido bélico non mostran aos heroes militares ou populares que loitaron contra os franceses, de todos coñecidos grazas ás publicacións e ás galerías de retratos gravados amplamente difundidos na España do seu tempo. Nin tan sequera preséntannos feitos concretos acaecidos en lugares determinados. Pola contra Goya móstranos, partindo de acontecementos reais, a esencia dos mesmos, a representación universal do heroísmo, a brutalidade, a fame, a deseperación, a destrución, pero sobre todo a morte. E todo iso protagonizado polo pobo anónimo, verdadeira vítima da guerra.

José Manuel Mantilla. El libro de Los Desastres de la Guerra. Francisco de Goya. Madrid, 2007, Arlanza Ediciones.




Nota: Os títulos dos gravados reproducen a ortografia orixinal de Goya
Quinto traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

domingo, 20 de enero de 2008

Velas pola PAZ!!


Vía Mangas Verdes, atopo unha iniciativa que me parece preciosa.

Por que non acender unha vela dende a blogosfera?

Por que non darlle forma aos nosos mellores desexos e facelos patentes en algo tan simbólico como pode ser unha vela acendida?

Animádevos, nós xa acendimos a nosa e non somos os únicos.


XUNTOS POLA PAZ!!

sábado, 19 de enero de 2008

viernes, 18 de enero de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (II)


CEIP José Cornide
Despois dunha comida moi agradable, veu un fantástico café que durou un par de horiñas. Canto falamos de bibliotecas (é a nosa teima!), das nosas experiencias, dos nosos proxectos, e de moitas cousas máis…. E chegou o momento que tanto esperabamos, marchamos para o cole. O sol xa se tiña retirado o que lle dou á entrada no José Cornide un certo aire de misterio. Era a antesala perfecta dunha visita que non poderemos esquecer.
Recibiunos o Sr. Rato. E pensar que eu lles teño fobia a eses "pequenos roedores", pero o que aconteceu co Sr. Rato foi, amor a primeira vista!! Engaiolounos nada máis coñecelo, é agarimoso, doce, encántanlle os libros, como a nós, e como cicerone non o hai mellor.
Levounos a todas as aulas, á sala dos profes (Vaia PEC máis ben traido, si señor!!), subiuse ao escenario e deixou para o final a biblioteca. Como é de tremendo, sabía que estabamos desexando coñecela.
E ao entrar alí, entramos nun mundo de ilusión e fantasía que nos fixo volver aos nosos anos mozos (e mirade que xa choveu!!!)
Ali estaban Pinocho, a Carapuchiña vermella e a súa cestiña, o cofre da Illa dos tesouros, a bruxa e a súa escoba, o zapato de Cenicienta, o Mago Merlín, o sillón dos grandes personaxes (que probou, como non podía ser menos, o noso Mago particular), e todo iso rodeado de miles de contos e historias marabillosas.

Pero algo fantástico estaba a piques de ocorrer... cando xa pensamos que o tiñamos todo visto o Sr. Rato levounos ao camerino. Meu Deus, pero que era aquilo? Nin máis nin menos que todo o necesario para que os nenos e nenas do Cornide poidan ver os seus soños feitos realidade, para que nun segundo aparezan alí todos e cada un dos seus personaxes preferidos. Si, si, non estamos a esaxerar nin unha miaxiña. Alí hai perrucas, plumas, abanicos, sombreiros, pinturas, maquillaxes, xoias estupendas, traxes de princesa, de indio, de xitana... Eran tantos os sentimentos e emocións que estabamos a sentir, que o Sr. Rato decidiu acougarnos léndonos un dos moitos contos preciosos que alí teñen, escritos polos rapaces . E que ben le o condenado!
E despois da lectura, a visita chegou ao seu fin.
Querido Sr. Rato, canto disfrutamos!!

Que razón ten o noso Mago, " As bibliotecas reflicten a alma de quen está ao seu temón"!!!

Tamén nos outros GBI Blogs

A Nosa Biblioteca

Biblioafonso

lunes, 7 de enero de 2008

A MAXIA DA EDUCACIÓN

Hai uns meses, nove xa, cando andaba eu embarullada nesto de crear un blog, un AMIGO envioume esta marabillosa alegoría sobre a educación, e hoxe, primeiro día da volta ás aulas e primeiro post deste ano que acaba de comezar, quero facervos a todos e todas vós, os encargados de levar adiante esta fantástica tarefa de facer cada día un pouco máis libres aos nenos e nenas, aos mozos e mozas do noso país, este pequeno agasallo.



Que nunca deixemos de crer no que facemos!
Que nunca deixemos de disfrutar co noso traballo!
Que nunca deixemos de recoñecer o traballo ben feito!
Que nunca deixemos de ter ilusión!
Que nunca deixemos de aprender!
Que nunca deixemos de ler!

"Os libros aprendéronme a pensar, e o pensamento fíxome libre"
R.Corazón de León