miércoles, 30 de enero de 2008

Día da PAZ


Create Your Own

Existe, por desgraza, unha ampla mostra de conflitos armados onde constatar os diferentes graos de sufrimento e degradación do ser humano que toda guerra implica. Algúns, aparentemente esquecidos, deixaron, non obstante, feridas mal cicatrizadas e dispostas a reabrirse en calquera momento.Outros, case descoñecidos no imperdoablemente descoñecido continente africano, están xa perdidos sen remedio sexa cal sexa o resultado final da contenda.Tamén os hai cotiáns, perniciosos, que abandonan os primeiros titulares pero deixan rastros atrofiados, convertidos en xordas ladaíñas onde a traxedia individual de cada morte se dilúe en cifras carentes de sentido.
Sendo conscientes desta situación, no Día Internacional da Paz, eliximos a guerra de Iraq como símbolo do engano, a barbarie e a loucura que toda guerra implica.
Neste documento utilizamos unha breve selección de textos de poetas árabes representativos da desolación dun pobo ante a traxedia colectiva que asola moitos dos seus países. Tamén incluímos algunhas citas contra a guerra de varios pensadores e escritores da nosa cultura occidental..


Oiamos as súas voces porque temos o convencemento de que só escoitando persoas sosegadas e respectuosas de calquera cultura os seres humanos teremos unha mínima posibilidade de futuro. Este é o espírito que alenta o presente documento que forma parte da iniciativa colectiva das Bibliotecas Escolares Galegas non Día Internacional da Paz, por un mundo mellor e máis xusto.

Os materiais gráficos deste documento proceden das seguintes fontes
Iraq War Paintings Gerard Laing
Carteles contra una guerra – Signos por la paz (James Mann, Ed. Gustavo Gili)
Lions Clubs International Peace Poster Contest

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

POEMAS POLA PAZ

Chegamos ao momento en que evocamos a PAZ como unha lembranza.

Impresionad@s polos horrores das guerras, pola manipulación da realidade que teñen feito os grandes e pequenos poderes para xustificala e pola destrución da memoria dos pobos, os ensinantes, os bibliotecarios, debemos seguir buscando co noso traballo o fortalecemento da PAZ e a verdade. A verdade porque somos os administradores dos materiais que conteñen todas as verdades, porque dunha información completa xorde a verdade. A PAZ porque o entendemento entre as persoas é a base do noso traballo; tratamos que comprendades, coñezades e aceptedes o que din outros, tentando abrir mentalidades, facilitando o acceso ás ideas expresadas ao longo dos séculos; todo o contrario do que conseguen as guerras. Por iso, colocamos a tarefa de nos opoñer a elas como a primeira e máis importante do noso labor cotián.
Un bo xeito de ir contra a guerra é divulgar a obra dos poetas que con palabras emocionates, moito máis impactantes que as balas, fixéronlles fronte. As persoas somos unha mestura de razón e sentimento; nas grandes cuestións necesitamos alimentar o corazón tanto como a cabeza, e os poetas saben alimentar o corazón.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

lunes, 28 de enero de 2008

POLA PAZ (VII)

Mañá é o Día da Paz. Desde hai días as bibliotecas escolares galegas colaboramos pola primacía desta, tentamos lembrar á sociedade que é a palabra a que debe vencer sobre as armas, esas palabras que voan nos libros, nos poemas, que se transmiten polo diálogo e non polas armas. Cremos que é o Amor quen debe vencer ao egoísmo, a non-violencia debe vencer á violencia e a PAZ á guerra.




Sétimo traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

domingo, 27 de enero de 2008

POLA PAZ (VI)

Falamos de guerras, falamos de paz. Falamos dos nosos desexos dun mundo mellor. Fermoso sería que as armas fosen xoguetes que nunca servisen para matar. Conseguilo é o noso obxectivo.

Empeñados como estamos, proclamamos cada día

NON ÁS GUERRAS

Sexto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da PAZ

jueves, 24 de enero de 2008

POLA PAZ (IV)

Violencia é que ainda no século XXI, os dereitos das nenas e nenos de todo o mundo seguen sen respectarse.

Pois ben, queremos achegarvos un poema de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor que vai ser homenaxeado no Dia das Letras Galegas deste ano e que pouco a pouco iremos coñecendo ao longo do curso.

Fálanos duns nenos que teñen que vivir na rúa, da esmola da xente, e como ata a algunha xente lle chega a parecer normal esta situación tan inxusta.

Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba¡-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles
-A xente pasa leda......¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!.

Xosé María Álvarez Blázquez
(Tui 1915-1985)

Cuarto traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

miércoles, 23 de enero de 2008

POLA PAZ (V)

A violencia nas súas diferentes formas, como manifestación do despropósito, é un dos aspectos máis notables na obra de Goya. Foron precisamente os sucesos acontecidos durante a Guerra de Independencia (1808-1814) os que deron lugar a que Goya efectuase unha reflexión enormemente crítica e innovadora sobre a guerra, sobre as súas causas, brutais manifestacións e consecuencias.

(...) Francisco de Goya, escéptico ante as xustificacións da guerra, lonxe de apoiar coa súa obra os postulados ideolóxicos dalgún dos bandos contendentes, mostra o rostro máis escuro e abxecto da guerra, o dos mortos e os seus asasinos, o dos indefensos e os seus prepotentes violadores, o dos que padecen e os dos que gozan co padecemento alleo.

(...) A sensibilidade de Goya ante estes acontecementos produciu non só a súa mellor serie de estampas, senón un monumental berro contra a violencia nas súas diferentes formas, que non recoñece xustificación ningunha, e que grazas ao maxistral do seu tratamento técnico, formal e conceptual permite ao espectador comtemplar imaxes inherentes a toda guerra.

(...) As obras de Goya de contido bélico non mostran aos heroes militares ou populares que loitaron contra os franceses, de todos coñecidos grazas ás publicacións e ás galerías de retratos gravados amplamente difundidos na España do seu tempo. Nin tan sequera preséntannos feitos concretos acaecidos en lugares determinados. Pola contra Goya móstranos, partindo de acontecementos reais, a esencia dos mesmos, a representación universal do heroísmo, a brutalidade, a fame, a deseperación, a destrución, pero sobre todo a morte. E todo iso protagonizado polo pobo anónimo, verdadeira vítima da guerra.

José Manuel Mantilla. El libro de Los Desastres de la Guerra. Francisco de Goya. Madrid, 2007, Arlanza Ediciones.




Nota: Os títulos dos gravados reproducen a ortografia orixinal de Goya
Quinto traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ

domingo, 20 de enero de 2008

Velas pola PAZ!!


Vía Mangas Verdes, atopo unha iniciativa que me parece preciosa.

Por que non acender unha vela dende a blogosfera?

Por que non darlle forma aos nosos mellores desexos e facelos patentes en algo tan simbólico como pode ser unha vela acendida?

Animádevos, nós xa acendimos a nosa e non somos os únicos.


XUNTOS POLA PAZ!!

sábado, 19 de enero de 2008

viernes, 18 de enero de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (II)


CEIP José Cornide
Despois dunha comida moi agradable, veu un fantástico café que durou un par de horiñas. Canto falamos de bibliotecas (é a nosa teima!), das nosas experiencias, dos nosos proxectos, e de moitas cousas máis…. E chegou o momento que tanto esperabamos, marchamos para o cole. O sol xa se tiña retirado o que lle dou á entrada no José Cornide un certo aire de misterio. Era a antesala perfecta dunha visita que non poderemos esquecer.
Recibiunos o Sr. Rato. E pensar que eu lles teño fobia a eses "pequenos roedores", pero o que aconteceu co Sr. Rato foi, amor a primeira vista!! Engaiolounos nada máis coñecelo, é agarimoso, doce, encántanlle os libros, como a nós, e como cicerone non o hai mellor.
Levounos a todas as aulas, á sala dos profes (Vaia PEC máis ben traido, si señor!!), subiuse ao escenario e deixou para o final a biblioteca. Como é de tremendo, sabía que estabamos desexando coñecela.
E ao entrar alí, entramos nun mundo de ilusión e fantasía que nos fixo volver aos nosos anos mozos (e mirade que xa choveu!!!)
Ali estaban Pinocho, a Carapuchiña vermella e a súa cestiña, o cofre da Illa dos tesouros, a bruxa e a súa escoba, o zapato de Cenicienta, o Mago Merlín, o sillón dos grandes personaxes (que probou, como non podía ser menos, o noso Mago particular), e todo iso rodeado de miles de contos e historias marabillosas.

Pero algo fantástico estaba a piques de ocorrer... cando xa pensamos que o tiñamos todo visto o Sr. Rato levounos ao camerino. Meu Deus, pero que era aquilo? Nin máis nin menos que todo o necesario para que os nenos e nenas do Cornide poidan ver os seus soños feitos realidade, para que nun segundo aparezan alí todos e cada un dos seus personaxes preferidos. Si, si, non estamos a esaxerar nin unha miaxiña. Alí hai perrucas, plumas, abanicos, sombreiros, pinturas, maquillaxes, xoias estupendas, traxes de princesa, de indio, de xitana... Eran tantos os sentimentos e emocións que estabamos a sentir, que o Sr. Rato decidiu acougarnos léndonos un dos moitos contos preciosos que alí teñen, escritos polos rapaces . E que ben le o condenado!
E despois da lectura, a visita chegou ao seu fin.
Querido Sr. Rato, canto disfrutamos!!

Que razón ten o noso Mago, " As bibliotecas reflicten a alma de quen está ao seu temón"!!!

Tamén nos outros GBI Blogs

A Nosa Biblioteca

Biblioafonso

lunes, 7 de enero de 2008

A MAXIA DA EDUCACIÓN

Hai uns meses, nove xa, cando andaba eu embarullada nesto de crear un blog, un AMIGO envioume esta marabillosa alegoría sobre a educación, e hoxe, primeiro día da volta ás aulas e primeiro post deste ano que acaba de comezar, quero facervos a todos e todas vós, os encargados de levar adiante esta fantástica tarefa de facer cada día un pouco máis libres aos nenos e nenas, aos mozos e mozas do noso país, este pequeno agasallo.



Que nunca deixemos de crer no que facemos!
Que nunca deixemos de disfrutar co noso traballo!
Que nunca deixemos de recoñecer o traballo ben feito!
Que nunca deixemos de ter ilusión!
Que nunca deixemos de aprender!
Que nunca deixemos de ler!

"Os libros aprendéronme a pensar, e o pensamento fíxome libre"
R.Corazón de León