O pasado 8 de Marzo, Día da Muller, o Concello de Fene organizou o 11º Maratón de Lectura, “Fene lendo Mulleres”. Un maratón que, como ven sendo habitual, foi retrasmitido en directo por Radiofusión , dende as 8 da mañá ata as 9.30 da noite.
Dende o IES de Fene, e como cada ano, alumnas de todos os cursos uníronse a esta celebración.
Na Casa da Cultura recibíronos a Concelleira do Servizo da Muller e a Pedagoga do Concello, organizadoras e responsables do acto. E mentres esperábamos o noso turno, aproveitamos para admirar a exposición de pintura colectiva “Art Natura” unha exposición que nos gustou moito.
As rapazas leron poemas de Sofía Manuel Colaço, Pilar Pallarés, Ana Romaní, Luz Pozo, Sandra Cisneros, Helena Villar, Lucía Novas, Rosalía de Castro, Marilar Aleixandre, Ana Mª Fernández, Marica Campo, Emily Dickinson, Edith Sodergran, Marta Dacosta, Mª Xosé Quizán, Xoana Torres, Carme Blanco, Fina Casalderrei, Concha Blanco e Medos Romero e remataron coa lectura dun relato curto “As Estacións” escrito por Antía Díaz Castro alumna de 2º de bacharelato, relato que conseguiu o primeiro premio no II Concurso de Relato Curto contra a Violencia de Xénero organizado pola nosa biblioteca escolar "O Segrel do Penedo".